As coleccións sonoras de Galicia ante o presente dixital
April 26th, 2012“O Consello da Cultura Galega organiza un encontro de posuidores ou xestores de coleccións de gravacións sonoras que existen no país co fin de intercambiar información sobre as novas realidades e estudar as formas de coordinación posibles entre os diferentes arquivos en prol da rendibilidade da documentación dispoñible. Este seminario enmárcase nunha realidade cultural marcada pola crise económica e polo presente dixital en rede, unhas novas circunstancias que deben contribuír a un traballo colaborativo compatible coas distintas personalidades das coleccións particulares.
O encontro terá lugar o venres 27 de abril no salón de actos da Biblioteca da Cidade da Cultura en sesións de mañá e tarde. Serán catro mesas redondas, cada unha introducida por unha pequena charla por parte do moderador; seguido de tres persoas que falarán das realidades arquivísticas que eles impulsan. Logo, nun coloquio posterior cos presentes, reflexionarase sobre o tema xeral de cada mesa coas achegas concretas do resto das persoas participantes”.










