En la nueva edición de Monumenta me han pedido que articule un paseo centrado en la memoria acústica de Mondoñedo.

“Neste percorrido por Mondoñedo proponse unha achega á comprensión particular da vila partindo da idea de resonancia, fenómeno acústico que acontece cando se transmite unha vibración sonora dun corpo a outro. Esta noción serve aquí de pretexto para falar, non só do vibrar da cidade co tanxido das súas campás, senón tamén, como metáfora, da permanencia de certos sons do pasado no presente, por exemplo: os toques dos sinos mindonienses, mantidos de xeración en xeración; da memoria musical vinculada con algúns dos seus recunchos; das calidades reverberantes dos seus edificios e prazas; ou mesmo das peculiaridades da paisaxe audible e da súa relación co contexto cultural e social no que se produce.

Monumenta divulga

Máis alá do valor material que encerran as rúas do centro histórico e os arredores da vila, Mondoñedo conta cun legado inmaterial de gran valor. Tanto os sons das súas campás con nome propio —Paula chámanlle á maior delas, cun peso de 2.500 Kg—, tocadas ben a corda ben con volteo, como a destacada historia musical na que resoan os vilancicos barrocos compostos en galego por mestres de capela desta basílica, as melodías de Pascual Veiga, que repousa no seu cemiterio, ou os cantos de cego e os sons das zanfonas forman parte desta paisaxe sonoro-cultural.

Camiñantes convidados

Mauro Sanín é responsable de comunicación en aCentral Folque e director do Encontro Internaional Zona da Zanfona. Tamén imparte aulas de zanfona na AC Brisas do Quenllo da Pontraga (Tordoia) e no Conservatorio Histórico de Santiago. Actualmente forma parte de varios proxectos en palco tocando a zanfona a solo, a dúo co cantor beirão César Prata (Cantos de Cego da Galiza e Portugal, 2016) ou co trío de experimentación audiovisual Ulobit (Vikingland, 2016), entre outros.

Valentín Insua é o campaneiro da catedral de Mondoñedo, onde subiu por primeira vez con oito anos seguindo o exemplo de seu pai e de seu tío. Desde entón, ademais de encargarse de executar manualmente os toques, mantén viva esta tradición a través da difusión da súa historia.

Xoán-Xil López é musicólogo, artista sonoro e doutor en belas artes. Ten traballado no uso da paisaxe sonora na creación artística contemporánea —estéticas sonoras e procesos culturais—. Realizou investigacións tanto no ámbito da etnomusicoloxía como no da música contemporánea”.

[+ info]