Na súa interdisciplinariedade, os estudos sobre a paisaxe sonora das nosas cidades poden dicirnos moito acerca do xeito en que vivimos e, máis aínda, como facelo dun xeito más atento, empático e común. No día 16 de xuño teremos ocasión de reflexionarmos na USC sobre estas temáticas na xornada Soundscapes: Cartografías sensoriais e paisaxes sonoras, que se celebrará na Facultade de Ciencias da Comunicación (Visionado 1). Estruturada en tres mesas, “Cartografías”, “Artes” e “Cidades”, o encontro reúne contribucións de investigadoras de diferentes grupos da USC: Análise Territorial, Discurso e Identidade, Episteme, Estudos Audiovisuais, Estudos Históricos de Música en Galicia e América (ss. XI-XX), Historia da Arte, da Arquitectura e do Urbanismo e Teoría da Literatura e Literatura Comparada, así como do grupo en ‘Geohumanitats’ da Universitat Pompeu Fabra. Cartografías alternativas, ética afectiva, arte sonora, composición e urbanismo confluirán nunha xornada transdisciplinar clausurada polo artista sonoro Xoán-Xil López.